Sunday 28 de April de 2024

O Concello recolle nunha exposición fotografías inéditas do exilio republicano durante a Guerra Civil


A mostra ‘Camiños do Exilio 1939’, inaugurada hoxe na casa museo Casares Quiroga, contén imaxes do fotógrafo francés Philippe Gaussot

O Concello da Coruña, a través da súa concellaría de Memoria Histórica, inaugurou hoxe a mostra ‘Camiños do Exilio 1939. Exposición de fotografías inéditas de Philippe Gaussot’ na Casa Museo Casares Quiroga. Trátase da primeira vez que estas imaxes chegan a Galicia e o Concello contou coa colaboración da asociación francesa 24 août 1944.

O concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Jesús Celemín, foi o encargado de presentar esta mostra que reúne unha serie de fotografías atopadas polo fillo de Gaussot entre os seus arquivos. Estivo acompañado da presidenta de 24 août 1944, Véronique Salou, e da coordinadora da exposición, Begoña Maceiras. “O compromiso do Goberno de Inés Rey coa Memoria Democrática e cos nosos exiliados e exiliadas quedou patente desde o comezo do seu mandato e viuse en acontecementos como o Ano Internacional María Casares, gran símbolo do exilio coruñés en París”, dixo Celemín.

Philippe Gaussot foi un dos fundadores do diario rexional Le Dauphiné Libéré e un recoñecido xornalista especializado en fotografía de montaña que desenvolveu un importante papel durante o final da Guerra Civil española axudando aos exiliados republicanos na súa fuxida. Estas imaxes, que el nunca fixo públicas en vida, chegan por primeira vez a Galicia grazas a esta mostra promovida polo Concello.

A colección está formada por tres bloques: A acollida de nenos vascos e cataláns, desde1937; A Retirada en febreiro de 1939; e Os campos de internamento nas praias do Roselló. Jesús Celemín agradeceu á familia do fotógrafo e á asociación 24 août 1944 en nome da alcaldesa, Inés Rey, a posibilidade de dispoñer destas imaxes únicas na cidade.